Saturday 04 de May de 2024

Paderne segue apostando pola conciliación coas aulas de Nadal


 Estas aulas de conciliación gratuítas estarán abertas do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro de 2023, en horario de 8:30 a 14:30 horas, con entrada e saída flexible

 O prazo de inscrición remata o 14 de decembro e pode cursarse a solicitude na sede electrónica do Concello, preferiblemente

O Concello de Paderne volve apostar pola conciliación familiar e laboral na época de Nadal, poñendo á disposición das familias do municipio as aulas de conciliación. Están destinadas aos nenos e nenas de entre 3 e 16 anos e levaranse a cabo nas dependencias do Concello: o Fogar do Maior, a aula de actividades, a biblioteca e a aula de informática.

A hora de entrada e saída será flexible para que os pais e nais poidan organizarse respecto ao seu horario laboral. Desta maneira, a rapazada poderá ingresar nas aulas desde as 8:30 ata as 10:30 horas e saír desde as 13:30 ata as 14:30 horas.
As actividades que se desenvolverán terán como eixo vertebrador a igualdade entre os nenos e nenas, traballando os valores do respecto, o equilibrio de oportunidades, a resolución de conflitos e o fomento da lingua galega.
“Esta iniciativa reafirma a aposta do goberno municipal pola conciliación, primeiro coas aulas de verán e agora cas de Nadal. Esta proposta nace co fin de ofrecer ás familias de Paderne unha alternativa nas épocas de vacacións escolares, na que os pais e nais poidan compatibilizar o coidado dos fillos e fillas co seu traballo”, apunta a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisa Abrodos.

Aínda que existe a opción de inscrición física na propia Casa Consistorial, os interesados no servizo poden inscribirse de xeito preferible na sede electrónica do Concello ata o 14 de decembro, presentando a documentación indicada.